mércores, 18 de maio de 2016

AS PROBAS HÍPICAS NA ANTIGA GRECIA

O HIPÓDROMO
O hipódromo de Olimpia (2)

En Olimpia atopábase cara o sur do Estadio, hoxe non queda rastro del porque foi arrasado pola crecida do río Alfeo. Sería de forma elíptica, seis veces maior có estadio. Tiña 600m. de longo por 200m. de ancho de terra cha e cos terrapléns, septentrional e meridional, destinados a acomodar aos espectadores, onde habería unha tribuna situada fronte a meta para xuíces e/ou as personalidades. Fronte alzábase unha estatua de Hipodamía cinguindo a cinta de vencedor a Pélope. Dúas columnas separadas a uns 400 m., cun muriño de pedra que marcaba o eixe lonxitudinal,arredor das cales xiraban un importante número de carros(uns 40). Unha volta equivalía a uns 780 m., é dicir, 4 estadios.
No Hipódromo tiñan lugar as probas máis aristocráticas dos xogos, un signo claro da progresiva exhibición de poder e riqueza que nos xogos facían os tiranos, reis e membros de familias ilustres e os seus carros de dúas rodas e catro radios moi pintados e vistosamente adornados. O auriga non recibía a coroa do premio, tan só unha cinta de lá que cinguía na fronte, era o dono dos cabalos que ás veces era unha polis (cidade-estado), un tirano, un neno ou mesmo unha muller quen eran considerados os vencedores.


O sistema de saída de carros e de cabalos en forma triangular regrado con cordas estaba deseñada para compensar aos que ocupaban os lados exteriores,
dado que a maior dificultade era sobrepasar o punto de volta chamdo “nisa”, onde había numerosos accidentes.



CARREIRAS DE CARROS
As carreiras de carros empezaban co Téthripon,(cuádriga de cabalos de 5 ou seis anos), a máis antiga datada xa na XXV Olimpíada (680 a.C.). Os cabalos máis fortes e veloces colocábanse á dereita para coller mellor as curvas que cadraban á esquerda e ían guiados por un auriga. Daba 12 voltas ao hipódromo, uns 14 km. No ano 500 a.C. introducíuse a carreira “apene” carreira de carro tirado por dous mulos, que desaparecerá axiña no 444 a.C. substituída pouco despois pola sinorís, carreira de 9 km. de carros tirados por dous cabalos. A cuádriga de poldros apareceu no 384 a.C. e logo a sinorís no 268 a.C. daban tres voltas ao hipódromo.

AS CARREIRAS DE CABALOS.

As carreiras de adultos aparecen no 648 a.C. e o xinete tiña que dar 6 voltas ao hipódromo. Na 131ª Olimpíada (256 a.C.)compiten poldros. Do 496 ata o 444 a.C. realizouse o calpe, unha proba realizada sobre égoas na que a derradeira volta o xinete ía a pé, suxeitando polas bridas a súa montura ata a meta. Os animais non levaban ferraduras, montaban a pelo e sen estribos, aínda que ás veces usaban esporas e látigo.

Pero o trato que se lles daba aos cabalos era bo, mesmo se lles daba sepultura en fermosas tumbas e se lles gardaba memoria, como é o caso da égoa Aurora de Fidola de Corinto, que a pesar de tirar ao xinete continuou soa ata a meta e obtivo a vitoria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario